Elena Vázquez Cendón

Centro Educativo:
IES de Poio

Principales hitos

“Todos e todas deberíamos ter un valor na ecuación da igualdade”

Biografía de Elena Vázquez Cendón

Elena Vázquez Cendón é unha das científicas máis destacadas no campo das matemáticas aplicadas en Galicia. Nace en Ourense en 1966. Licénciase en Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde posteriormente tamén se doutora. O seu traballo de doutoramento, centrado no traballo arredor das ecuacións en derivadas parciais hiperbólicas, sería a base para moitas das súas contribucións no campo das matemáticas aplicadas. Na actualidade é a decana da Facultade de Matemáticas da USC.
A súa traxectoria profesional reflicte un compromiso firme coa ciencia e a súa aplicación a problemas complexos en diversos campos, como a física, a enxeñaría e a modelización de sistemas naturais, destacando os seus estudos sobre os métodos numéricos en dinámica de fluídos, que poden aplicarse na práctica ó estudo da circulación do sangue ou da corrente das rías galegas.
Cendón tamén estivo involucrada en numerosos proxectos de investigación tanto nacionais como internacionais traballando nas dinámicas de gases e fluídos, tanto no ámbito académico como profesional.
Elena abarca tanto a investigación como a divulgación científica. Así, preside desde 2021 o Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia), unha iniciativa que pretende detectar e potenciar o talento matemático na mocidade galega. O seu esforzo continuo na divulgación das matemáticas entre a mocidade, para fomentar así as vocacións científicas, fan dela unha figura destacada no eido da educación e divulgación científica en Galicia.
A súa traxectoria foi recoñecida a nivel institucional polo Premio María Josefa Wonenburger Planells (2022), pola súa contribución ó desenvolvemento da ciencia, polo seu traballo na integración da muller no ámbito científico, pola súa defensa da igualdade de xénero na ciencia e como referente para as novas xeracións de científicas.
Hai que destacar o compromiso social de Elena coa cultura galega, facendo un gran esforzo por divulgar a figura de Domingo Fontán, matemático que dedicou dezasete anos da súa vida para realizar o primeiro mapa científico de Galicia. Ademais, a profesora forma parte do Consello da Cultura Galega.
A traxectoria de Elena Vázquez Cendón destaca polas súas aportacións ás matemáticas aplicadas e as súas achegas á divulgación desta ciencia ó conxunto de toda a sociedade, onde o seu traballo e dedicación continúan inspirando a novas xeracións de científicas e científicos.