Jocelyn Bell naceu en 1943 en Belfast, Irlanda do Norte. O seu interese pola astronomía e por converterse en radioastrónoma comezou cando o seu pai, que era arquitecto, axudou a reformar o Observatorio de Armagh. Aínda así, o seu camiño non foi doado. No laboratorio de ciencias do seu instituto unicamente podían entrar varóns e tivo que protestar, xunto cos seus pais, para que lle permitiran acceder e poder completar os seus estudos de ciencias.
En 1965 graduouse en Física pola Universidade de Glasgow, sendo a única muller nunha clase de 50 estudantes. Ese mesmo ano conseguiu unha praza para doutorarse na Universidade de Cambridge. Incorporouse a un proxecto de busca de quásares, que son galaxias moi afastadas e que se descubriran recentemente. Axudou durante 2 anos a construír o radiotelescopio chamado IPS Array e foi a encargada de administralo e realizar as observacións dunha gran parte do ceo todos os días.
En 1967, Jocelyn detectou un sinal estraño e que soamente aparecía nunha rexión concreta do ceo. No primeiro momento, Antony Hewish, o seu director de tese, restoulle importancia dicindo que debían ser interferencias creadas polos humanos, pero tras insistir Jocelyn, ampliaron o sinal e puideron comprobar como había un pulso de sinal que se repetía periodicamente. Tres semanas máis tarde, Jocelyn descubría un segundo sinal pulsante, demostrando así que había máis no universo e que eran un novo tipo de obxecto cósmico: os púlsares. Xunto con outros astrofísicos, chegaron á conclusión de que se trataban de estrelas de neutróns que xiran moi rápido e que emiten pulsos de radio a intervalos regulares polos seus polos magnéticos coma se fosen faros cósmicos.
Este foi un dos descubrimentos máis importantes da astronomía do século XX, xa que confirmou teorías sobre a morte das estrelas e axudou a entender mellor o universo. Non obstante, en 1974, Jocelyn non foi incluída no premio Nobel de Física que se concedeu polo descubrimento dos púlsares ao seu director de tese, Antony Hewish, e outro colega, Martin Ryle. Parte da comunidade científica considerou que foi inxusto para Jocelyn, pero ela restoulle importancia argumentando que ela simplemente era unha alumna. Hoxe en día, Jocelyn recoñece que sufría a síndrome do impostor, pois pensaba que non era suficientemente intelixente como para estar doutorándose, que era un erro, e que en calquera momento, alguén se decataría e sería despedida.
Posteriormente, casouse e deixou Cambridge. Dedicouse á astronomía multifrecuencia, foi profesora en diferentes universidades e converteuse nunha defensora da igualdade de xénero na investigación científica. Recibiu numerosos premios e títulos honoríficos. Destaca o que gañou en 2018, o premio Breaktrough en Física Fundamental, polo que recibiu 3 millóns de dólares que destinou á creación de becas de investigación para mulleres e minorías étnicas e así impedir que outras persoas teñan a síndrome do impostor por non ter referentes.